O pasado día 20 de maio, por fin, conseguiuse que o Consello de Ministros aprobase o indulto dos nosos veciños Jesús Montoiro, José Moreira e Simón Márquez, Os tres do Eixo. Unha vez conseguido este obxectivo anunciamos publicamente a disolución da Plataforma de apoio ao indulto dos tres do Eixo, formada polo movemento veciñal de Santiago.
Aínda así, queremos aproveitar para lembrar que todo o conflito comezou, no ano 1998, co incumprimento dun documento asinado polo Ministerio de Fomento, no que se comprometía a colocar pasos de peóns na estrada N-525 (Santiago-Ourense), antes de abrir ao tráfico un terceiro carril. Ao tentar por en servizo este novo carril, a veciñanza do Eixo fixo diversas concentracións para evitalo, xa que non se respectaba a seguridade viaria para os peóns, prometida pola Administración.







